Escultura da Grecia antiga

A Venus de Milo, unha das máis célebres estatuas de todos os tempos, obra de Alexandros de Antioquía, Museo do Louvre

A Escultura da Grecia antiga é unha expresión de significado amplo, empregada para designar a produción escultórica grega desenvolvida entre o Período Arcaico, iniciado no século VII a.C., cando a arte grega comezou a formar un estilo de seu orixinal, e a época do seu derradeiro florecemento importante na chamada era Helenística, que durou até preto de 100 a.C., cando o país xa estaba baixo dominio romano.

A escultura foi, xunto á arquitectura, a máis importante expresión artística da cultura grega. Exerceu decisiva influencia sobre a arte romana, inseminou unha gran variedade de culturas do norte da África e do Oriente Medio, penetrou até a India durante a época de Alexandre o Grande, definiu moitos dos principais parámetros da arte da Renacentista e do Neoclasicismo, e é unha referencia das máis relevantes mesmo hoxe en día para a cultura occidental.

Os gregos tiveron, dende moi cedo, a forma humana como o tema máis importante da súa expresión artística;[1] o que se define, usualmente, como antropocentrismo. As súas divindades, tamén se representaron con forma humana polo que se difuminaron as diferenzas entre o sagrado e o secular no eido artístico: unha representación espida de Apolo ou Heracles en pouco se diferenciaba da representación dun atleta olímpico vencedor nos xogos.

Será a estatua, illada e única no período arcaico mais representada grupalmente no período helenístico, o tipo de representación principal, aínda que os relevos, a miúdo tan altos que case tamén semellaban exentos, tamén serán importantes.

  1. Cook (1976), p. 19

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search